Unha Caixa única ao servizo da sociedade galega





A situación á que chegaron as caixas galegas, e particularmente a causalidade que se atopa tras da mesma, obríganos neste momento a facer unha defensa, sen permitir ningún tipo de rebaixa, da lei de caixas aprobada polo Parlamento, a fin de reverter o que foi a súa función até hoxe, pero tamén para evitar que no futuro teñamos que volver enfrontar unha problemática como a actual. Isto é, trátase de garantir a existencia en Galiza de entidades financeiras de orientación pública, suxeitas ao control dos galegos, comprometidas co desenvolvemento do País e cunha política de crédito que non responda á lóxica da banca privada.

Nada lle debe Galiza a Méndez e a Gayoso, ao contrario, ambos os dous, fixeron dos aforros dos galegos o seu particular negocio. Toca tamén, polo tanto, esixir responsabilidades, ou sexa, nin o un nin o outro poden capitanear unha nave que eles mesmos levaron a pique. O nacionalismo galego ten que dar a batalla para que a equipa directiva da caixa resultante estea sometida a tutela pública a fin de diminuír o papel de centralidade que as entidades de crédito xogaban/xogan na estrutura de poder no País. Só nos estamos interesados nesta batalla, porque non temos vocación de capataces do capital, só nós podemos dar esa batalla porque non temos ningunha peaxe co capital financeiro.

X.R. Ermida escribe sobre as caixas galegas no Terra e Tempo Dixital