Identidade e benestar

 É erro de vulto, coido, acreditar na separación duns e doutros aspectos. ¿Acaso a destrución de recursos naturais, o estrago de ríos e de rías, non teñen a ver cun nulo amor ao país e á terra en que se vive e con que tanto ten deixar aos nosos descendentes un habitat presentábel, porque o seu destino é emigraren? ¿Acaso o tan deostado "feísmo" non ten a ver (para alén, naturalmente, do imperio das inmobiliarias e grandes promotoras da construción, convenientemente protexidas polas administracións correspondentes) co descoñecemento da nosa historia e co desprezo polo "vello" como sinónimo de atrasado que a todos nos foi inoculado?

Aí lle doe, aí nos doe: na terríbel ferida histórica que se nos inflixiu e que nos converteu inclusive en axentes e en cúmplices directos da nosa despersonalización, da nosa desidentificación. Nun programa-tertulia da Radio Galega, dous intervinientes, canda min, no mesmo, Ánxel Vence e Jaime Pita, chegaron a interpretar así o problema lingüístico galego: para o primeiro, a xente, ao emigrar do campo ás cidades, demitiu do galego; para o segundo, a longa época de monolingüísmo galego desembocou na emigración, mesmamente por "pobres" lingüisticamente... 

Pilar García Negro, Identidade e benestar