Política e responsabilidade social (I)

Hai algo menos de catro anos, en marzo de 2007, Galicia atopábase, coma hoxe, en plena precampaña municipal, e o entón conselleiro de Medio Rural, o nacionalista Alfredo Suárez Canal, defendía no Parlamento a tramitación da Lei do Banco de Terras, tendo como principal opositor ao popular Roberto Castro, daquela voceiro conservador de agricultura e actual director xeral de Relacións Institucionais.

En múltiples e duros debates, Suárez Canal defendía o Bantegal coma o instrumento que “frearía” o abandono do rural dende o “respecto” ao medio ambiente e a “mellora das rendas” de labregos e gandeiros. Pola contra, Castro, cunha durísima dialéctica, esixía con vehemencia a retirada dun proxecto que, aseguraba, pretendía “confiscar as terras e nacionalizalas, sobre todo –enfatizaba– tendo en conta a ideoloxía do conselleiro”. Naquel momento, para o PP o Bantegal supuña “un atentado contra a liberdade” que situaría a Galicia “na Rusia post-zarista”, isto é, no inicio da Unión Soviética, dado que, auguraba, se estenderían as “expropiacións de terras”.

Este mesmo argumentario regresaría, se cabe con maior dureza, nos últimos días da campaña de 2009, nos que uns panfletos sen sinatura alertaban os labregos en diferentes localidades do rural de que “PSOE e BNG queren quedar coas túas teras” e se afirmaba que “se gobernan BNG e PSOE pódenche quitar as terras”. Onte, a Xunta aseguraba que o Bantegal “favorece o emprego das terras agrarias”.