"era ese home irado pero leal, que non podía non tomar partido"



Non faltou á comparecencia o Luís Seoane, o republicano que logo da guerra deixou de ter partido, en perpetua confrontación. "Non foi Piñeiro o seu único antagonista", lembrou Casas, "tamén discordou de Castelao, de Celso Emilio, de Díaz Pardo". Era ese home irado pero leal, que non podía non tomar partido, o que fascinou ao Méndez Ferrín de 1960. O agora presidente da Real Academia Galega recibira en Madrid, co grupo Brais Pinto, a visita dun Seoane que pisaba territorio español por vez primeira despois do 36. Ferrín esmiuzou aquelas citas, "nun reservado de La Región Gallega, metro Noviciado por precisar", nunha fermosa e emocionada "corrente de conciencia" memorial: Seoane no fondo dos espellos. Notas para un libro de memorias que se cadra non escribo.

A "liña Maginot" que dividía o galeguismo interior entre adeptos a Piñeiro e disidentes de corte marxista foi evitada polos mozotes Brais Pinto para atopar Seoane. "Non encaixaba no marco piñeirista: era un nacionalista que incidía no que Galaxia detestaba e un marxista da mesma beira que Sartre", anotou. O diagrama de Guerra Fría aplicado polo círculo de Piñeiro, a dicir de Ferrín, non toleraba veleidades comunistas.

O poeta de Con pólvora e magnolias, na crónica da súa educación sentimental, tamén debuxou o intre exacto no que, con 17 anos e na rúa Policarpo Sanz, colisionou coa poesía dos exiliados. "Aborrecidos do Rilke prescrito polo galaxismo", sinalou, "na Escolma de poesía galega estaban Lorenzo Varela, Seoane: os guerrilleiros, os Irmandiños, Roi Xordo". Tampouco non esquivou as súas discusións co pintor e a decepción que lle supuxo que en 1979 Seoane asinase o manifesto, que desembocou en Realidade Galega, o piñeirismo na praxe.

O presidente da Academia rematou, sentido, relatando a súa estancia na cadea de El Dueso, de 1972 a 1974. Foi alí, detido por antifranquista, onde a folla voandeira Cuco-Rei pasou o filtro da Garda Civil. Editaba Luís Seoane na Arxentina un poema de Lorenzo Varela: Cantiga nova que se chama cadea, con dedicatoria, "A Xosé Luís Méndez Ferrín, na gaiola".

Daniel Salgado, en El País