En Cuba hai pena de morte, como na maioría dos Estados do Caribe, e os que estamos contra este tipo de castigo podemos e debemos manifestar o noso desacordo, e a Cuba non lle queda outra que asumir as críticas e pagar o prezo político que lle reporta cada vez que a aplica (aínda que son moi raros os casos a diferenza de EEUU). Agora ben, imos prestarnos á hipócrita campaña que está a promover o imperio contra este pequeno país que se resiste a someter ao seu dominio? Imos aceptar esta dobre vara de medir? Deixarémonos cegar polas luces do esplendor da exhibición suntuosa de termos como “dereitos humanos” e “democracia” cando se condena a cada vez máis persoas á categoría de “homo sacer” e se lle retira toda soberanía aos pobos ocupados? Non.
Debemos lembrar o que nos di Simone de Beauvoir cando advertía que canto máis limpos semellaran os suntuosos pazos do poder máis sucios son os sumidoiros nos que ocultan a súa inmundicia. E temos que agradecer a WikiLeaks e aos que coma eles poñen o foco nos excluídos, nos invisibles... para evitar que sexan tratados como refugallos e lograr que se lle aplique dunha vez tamén a eles os tan cacareados “dereitos humanos” que ultimamente parece que son exclusiva duns cantos que mandan no mundo. É xusto, tamén, recoñecer a valentía de intelectuais e artistas do Estado Español como Willy Toledo, que tivo a afouteza de rachar co pensamento único e dicir catro verdades o cal lle custou o seu linchamento mediático.
X. C. Garrido Couceiro, Son humanos os iraquís?
Tamén sobre Cuba:
- Intercambio epistolar entre o músico e deputado da Revolución Silvio Rodríguez e o escritor disidente Carlos Alberto Montaner
- Luís Eduardo Aute, La cubana es una revolución fundamental y fundacional
- Iroel Sánchez, Menos mal que existen los que tienen mucho que perder