A utilización semiótica da comunicación política de masas, ao servizo dos intereses económicos máis inconfesábeis, non é unha novidade. Filmes comerciais de éxito, publicidade, documentais, difusión de información monopolizada e deformada por medios de comunicación debidamente controlados e con peneira ideolóxica previa das grandes cadeas de noticias, son unha constante. Simultaneamente, censura e deformación do discrepante. Singularmente, na Galiza, do nacionalismo galego. Precísase domesticar a sociedade, facerlle entender que, en tempos de crise, é lóxico que a banca privada gañe máis e que as clases traballadoras se sacrifiquen; que os que máis teñen paguen menos, e os que menos teñen non sexan quen de chegar a fin de mes. Infundir medo no pobo, deformando os contextos para facelos monstruosos a fin de chegar á conclusión de que non podemos acabar como Grecia, aínda que logo nos apliquen receitas similares. Da fascinación polo individualismo e o desprezo ás alternativas colectivas. Da sedución polo foráneo (sexa español ou norteamericano) e o desdén polo propio.
Bieito Lobeira, A batalla da linguaxe