Mostrando postagens com marcador X.R. Ermida Meilán. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador X.R. Ermida Meilán. Mostrar todas as postagens

Gaña o capital, perde a sociedade



A pesar da profundidade da crise e dos evidentes custos sociais, o capitalismo non se resinte. Máis aínda, como noutras ocasións, os poderes económicos sérvense dela, para transferirlle a factura da mesma as maiorías sociais, asentar o seu poder de clase e poñer as bases para "novas"formas de acumulación que permitan maximizar o beneficio.É a súa hexemonía ideolóxica, a que posibilita ao capital articular a actual correlación de forzas e a que impide construír alternativas críbeis ao sistema. Os campos de batalla no que nos movemos obríganos a desenmascarar a operación de diversión ideolóxica que acompaña a ofensiva en curso, unha operación destinada a eludir a natureza de clase das medidas adoptadas, presentándoas como inevitábeis. Como afirmaba Althusser imponse alterar a triloxía marxiana e situar no primeiro plano a loita ideolóxica.

X.R. Ermida, O capital non acouga

As Caixas, ao servizo de quen?



A principios da década dos sesenta unha nova publicada no xornal ABC sacudiu a opinión pública internacional, ao condicionar a "Caja de Ahorros Provincial de Orense" un crédito aos irmáns Barreiros para montar a súa fabrica de vehículos pesados a que esta se instalase en Madrid, posto que do caso contrario criaríanse cincocentos empregos na cidade da Burgas e as divisas de cincocentos potenciais empregados non engrosarían os activos da entidade ourensá, que se nutría das remesas dos emigrantes. Nada mudou o comportamento dos responsábeis e das equipas directivas das nosas caixas desde aquelas, até o punto de que as mesmas foron utilizadas por estes para os seus negocios particulares, dándose supostos tratos de favor entre as entidades e os membros dos consellos directivos e de administración ou fixando políticas de créditos e riscos con criterios distintos até aumentar no último exercicio o crédito nun 243% aos directivos das mesmas mentres se reducía nun 44% ao resto dos clientes. Non é de recibo, logo, que os responsábeis de que as caixas galegas chegaran a esta situación de quebra, os mesmos que as dirixiron nas últimas décadas con criterios caciquís, os que gobernaron o aforro dos galegos en beneficio de non se sabe que, os que drenaron recursos de milleiros de aforradores para investimentos ruinosos no Levante, o Leste Europeo ou na Costa do Sol, se manteñan ao fronte da entidade resultante. Nunha sociedade normal estes señores estarían na súa casa. Tócanos enfrontar isto, aínda que custe, mesmo para perder. Velos aí é unha vergoña para Galiza.

X.R.Ermida escribe sobre as caixas de aforro no Terra e Tempo.

Unha Caixa única ao servizo da sociedade galega





A situación á que chegaron as caixas galegas, e particularmente a causalidade que se atopa tras da mesma, obríganos neste momento a facer unha defensa, sen permitir ningún tipo de rebaixa, da lei de caixas aprobada polo Parlamento, a fin de reverter o que foi a súa función até hoxe, pero tamén para evitar que no futuro teñamos que volver enfrontar unha problemática como a actual. Isto é, trátase de garantir a existencia en Galiza de entidades financeiras de orientación pública, suxeitas ao control dos galegos, comprometidas co desenvolvemento do País e cunha política de crédito que non responda á lóxica da banca privada.

Nada lle debe Galiza a Méndez e a Gayoso, ao contrario, ambos os dous, fixeron dos aforros dos galegos o seu particular negocio. Toca tamén, polo tanto, esixir responsabilidades, ou sexa, nin o un nin o outro poden capitanear unha nave que eles mesmos levaron a pique. O nacionalismo galego ten que dar a batalla para que a equipa directiva da caixa resultante estea sometida a tutela pública a fin de diminuír o papel de centralidade que as entidades de crédito xogaban/xogan na estrutura de poder no País. Só nos estamos interesados nesta batalla, porque non temos vocación de capataces do capital, só nós podemos dar esa batalla porque non temos ningunha peaxe co capital financeiro.

X.R. Ermida escribe sobre as caixas galegas no Terra e Tempo Dixital

Grecia como exemplo




As receitas que pretenden poñer en marcha en Grecia centradas no aumento da fiscalidade indirecta (suba do IVE ate o 23% ou 25%, aumento dos impostos especiais -carburante, tabaco, alcohol- nun 10%), a conxelación ou a disciplina fiscal non son máis que un remendo da clásica trepia neoliberal. Tanto é así que o documento que o FMI remitiu ao goberno socialdemócrata, refire literalmente as medidas aplicadas en Arxentina por Cavallo con resultados de sobra contrastados. Porén, a resposta exemplar dos traballadores gregos, aglutinados arredor do Fronte Militante, facción sindical do PC, rachando coas directrices das burocracias sindicais afíns á socialdemocracia, abren camiños a esperanza. Outra vez máis é a correlación de forzas, aquela a que dedicou tanto estudo Poulantzas, no seu clásico "Clases sociais e capitalismo actual", será quen acabará por determinar o curso do proceso.

Mentres tanto a cabeza váiseme cara os eurobobos que fixeron de palmeiros do Tratado de Maastricht, do Constitucional ou do de Lisboa, os mesmos que defenderon con entusiasmo a perda de soberanía monetaria dos estados europeos, os mesmiños que fican coa boca aberta diante da balanza comercial alemana sen explicar que a mesma só é posíbel pola existencia da moeda única, eses que promoveron a liquidación de sectores enteiros da economía, os que agora se sorprenden coa degradación da débeda polas axencias de rating. Agora fálannos do "contaxio" de Grecia, pero a peste son eles.

Artigo de X.R. Ermida no Terra e Tempo



Cuba aquí, ética e oportunismo




Os amigos e as amigas vense nas ocasións, cando os precisas, isto é, aparecen se che veñen mal dadas, chegan sen chamar cando che dá de popa, lánzanche un risón se o necesitas, por iso eu hoxe quero testemuñar a miña amizade con Cuba. A amizade non sabe de frechazos, non ten doses de paixón, é racional porque se constrúe no día a día e tarda en chegar ao porto, hai que coidala, agarimala e preservala. A amizade é cousa de tempo, fórxase na lealdade, moldéase nos momentos maos, blíndase nas duras, e non é xestual senón real porque nace, medra e vive dos feitos.

E a miña amizade con Cuba fíxose no mundo real, e non nese imaxinario construído neste paraíso da liberdade de expresión tutelado polos grupos de comunicación, que constrúen novas e practican se cadra -ou pagan- o golpismo mediático ao ditado das corporacións. Claro que son amigo de Cuba porque son amigo da vida, dos pobos que non dos individuos, das persoas que non dos intereses, dos dereitos que se exercen e non dos que se recoñecen, da cultura como ben a socializar e non como pedantería erudita, da igualdade adversaria do igualitarismo, da liberdade que non do liberalismo.

X.R. Ermida Meilán, Cuba si