As Caixas, ao servizo de quen?



A principios da década dos sesenta unha nova publicada no xornal ABC sacudiu a opinión pública internacional, ao condicionar a "Caja de Ahorros Provincial de Orense" un crédito aos irmáns Barreiros para montar a súa fabrica de vehículos pesados a que esta se instalase en Madrid, posto que do caso contrario criaríanse cincocentos empregos na cidade da Burgas e as divisas de cincocentos potenciais empregados non engrosarían os activos da entidade ourensá, que se nutría das remesas dos emigrantes. Nada mudou o comportamento dos responsábeis e das equipas directivas das nosas caixas desde aquelas, até o punto de que as mesmas foron utilizadas por estes para os seus negocios particulares, dándose supostos tratos de favor entre as entidades e os membros dos consellos directivos e de administración ou fixando políticas de créditos e riscos con criterios distintos até aumentar no último exercicio o crédito nun 243% aos directivos das mesmas mentres se reducía nun 44% ao resto dos clientes. Non é de recibo, logo, que os responsábeis de que as caixas galegas chegaran a esta situación de quebra, os mesmos que as dirixiron nas últimas décadas con criterios caciquís, os que gobernaron o aforro dos galegos en beneficio de non se sabe que, os que drenaron recursos de milleiros de aforradores para investimentos ruinosos no Levante, o Leste Europeo ou na Costa do Sol, se manteñan ao fronte da entidade resultante. Nunha sociedade normal estes señores estarían na súa casa. Tócanos enfrontar isto, aínda que custe, mesmo para perder. Velos aí é unha vergoña para Galiza.

X.R.Ermida escribe sobre as caixas de aforro no Terra e Tempo.