Cuba aquí, ética e oportunismo




Os amigos e as amigas vense nas ocasións, cando os precisas, isto é, aparecen se che veñen mal dadas, chegan sen chamar cando che dá de popa, lánzanche un risón se o necesitas, por iso eu hoxe quero testemuñar a miña amizade con Cuba. A amizade non sabe de frechazos, non ten doses de paixón, é racional porque se constrúe no día a día e tarda en chegar ao porto, hai que coidala, agarimala e preservala. A amizade é cousa de tempo, fórxase na lealdade, moldéase nos momentos maos, blíndase nas duras, e non é xestual senón real porque nace, medra e vive dos feitos.

E a miña amizade con Cuba fíxose no mundo real, e non nese imaxinario construído neste paraíso da liberdade de expresión tutelado polos grupos de comunicación, que constrúen novas e practican se cadra -ou pagan- o golpismo mediático ao ditado das corporacións. Claro que son amigo de Cuba porque son amigo da vida, dos pobos que non dos individuos, das persoas que non dos intereses, dos dereitos que se exercen e non dos que se recoñecen, da cultura como ben a socializar e non como pedantería erudita, da igualdade adversaria do igualitarismo, da liberdade que non do liberalismo.

X.R. Ermida Meilán, Cuba si