"Moitos de nós andabamos por Madrid coma sen búsola, como o Solovio da novela. (...) Lía Filosofía, Teoloxía, Ética, estudei os clásicos españois da Idade Media e do Século de Ouro, farteime de lecturas francesas e alemanas, ateigueime de doutrinas, correntes intelectuais moi de moda na Europa daquelas datas... Os meus anos en Madrid e en xeral os meus anos fóra da Galiza, foron naquel tempo unha busca sen acougo. (...) Quen era eu?". Marcha lonxe, vaga, "Madrid, Toledo, Burgos, París, Berlín...". Otero é un caso único na literatura galega e raro en calquera literatura dun intelectual que se ve a si propio con distancia, como se a súa vida fose un relato e el o protagonista. Reflexiona sobre a súa identidade con gran lucidez, nárranos o momento no que está a piques de dar un salto: "¡Cánto me costou descubrir a nosa Terra dando voltas polo universo e os libros! De cando en vez voltaba cheo de preocupacións diletantes á miña terra de Trasalba e ¿qué atopa alí? Unha Galicia campesiña e asoballada, xentes ignorantes, esquencidas de todos no seu curruncho, namentras eu andaba detrás das verdades dos libros, e aquilo queimábame no peito cada vez máis".
Otero Pedrayo, no artigo Otero Pedrayo, arredor de si de Suso de Toro.