Claro que houbo estes días bandeiras de España, máis das que nunca vira. E claro que entre a chavalada –ignorante por desgraza do significado larvado de frases como “Arriba España!”– estendían a man nostálxicos do franquismo, embebidos desta súbita primavera rojigualda. Pero iso non explica, ao meu ver, máis que a nosa condición de masa actuante e movediza, a representación exponencial e ampliada do que, domingo tras domingo, acontece en todos os campos de fútbol.
A utilización avesa deste lóxico estourido popular –nun país no que o gran negocio do balompé marca os ritmos, os tempos e as axendas durante todo o ano– é o que revela, ao meu ver, o déficit de españolidade de España, unha eiva identitaria que os próceres da dereita patria queren paliar a toda costa. Holanda, os holandeses, aledaríanse polo triunfo de Holanda, non polo rexurdimento da nación holandesa. Brasil o mesmo. O mesmo Uruguai ou Alemaña. E desde logo en ningunha nación normalizada do mundo o triunfo dunha selección sería utilizado como coartada política para negar a diversidade e inocular na xente o ensoñamento da nación única, impermeábel e excluente, antes roja que rota, que aquí agoiran estes días os partidos maioritarios e os seus voceiros mediáticos.
Fran P. Lorenzo, A discreta alegría polo veciño español