Xa sei que nunca contamos co favor dos medios de comunicación de masas. Porén, ten habido ocasións en que este tipo de procesos discorreron de xeito máis tranquilo. Haberá quen pense e manifeste que foi debido a que, sen opcións de chegar ao poder, o BNG resulta menos molesto ou perigoso e non desata a ira dos deuses. Porque, unha forza nacionalista como o BNG, que leve adiante as transformacións nas que cre, resulta molesta a moitos poderes e é un obxectivo a combater. É moi ilustrativo comprobarmos como os xerifaltes da política española non se privan en público de mediren a forza e, máis concretamente, o "grao de perigosidade" dos nacionalismos catalán, vasco ou galego! Haberá quen poida pensar que as cousas se fixeron mellor noutros momentos e por iso non fomos tan atacados... Non faltarán razóns neste debate.
Indo do particular ao xeral, o que está cada día máis claro é que o poder mediático actúa como punta de lanza doutros poderes. Non é o terceiro ou cuarto poder, como lle chaman algúns; leva camiño de converterse en primeiro poder, mesmo con capacidade para cambiar gobernos. As campañas mediáticas fanse en función duns intereses moi determinados (políticos, económicos) e para uns obxectivos tamén moi determinados. Non debemos agardar polos parabéns; debemos, polo tanto, estar preparados e, a ser posíbel, inmunizados contra esta epidemia tan estendida nos tempos que corren; do contrario poñerase de manifesto a escasa firmeza e a vulnerabilidade da organización e electorado cos que contamos. E, tampouco digo nada novo se insisto en que debemos dispor dos nosos medios para facer chegar a toda a organización a información precisa en calquer momento que as circunstancias o requiran.
Manuel Rei Romeu, Políticas de escarnio e maldizer: poder mediático e manipulación informativa