Todo o mundo sabe que este tipo de reformas non contribúen a crear emprego, mais axudan a debilitar a clase traballadora fronte á patronal, cousa fundamental para que siga a acontecer o mesmo que nos últimos anos, nos que a pesar de se dar un crecemento económico ben copioso o reparto da riqueza foi totalmente desigual. O desequilibrio entre o beneficio das empresas e os salarios é cada día máis salvaxe. A crise non serviu para pararse a avaliar que é o que a motivou e que reformas había que facer. Serviu para traspasar moitísimos recursos públicos aos bancos e en ningún momento se falou do fracaso do modelo neoliberal dende o punto de vista dos intereses da maioría social. Nunca se falou da necesidade de dar conta de políticas estruturais e reformas profundas que nos puxeran en camiño dun modelo económico e social diferente. Ese é o debate que debería estar na sociedade, ou cando menos o que nós queremos trasladarlle. Estas políticas non nos van sacar da crise, e se nos sacan vai ser cun custo enorme para a clase traballadora e para a sociedade non para os poderes económicos, que se están a lucrar enormemente con esta situación.
Entrevista a Suso Seixo, coordinador nacional da CIG