
Cómpre subliñar unha primeira noticia e constatación: a boca da literatura galega, antes e despois, ábrese na vangarda e no universal. Fose na Galicia metropolitana ou nos círculos da diáspora e o exilio, nunca declinou na “estraña obriga”. E foi dobre vixía, como o noso faro no mar ou a arcea na fraga, esa ave de ollada circular, sen área de cegueira, á que chaman a sentinela do bosque. Esa continua re-existencia. Cóntase a historia de dous que andan aos cogomelos e un deles atopa un tesouro, un torques extraordinario, e o outro dille anoxado: “Estamos a cogomelos ou estamos a tesouros?”. Ese estar à la page, á descuberta, ese emitir á escoita, ese tentar traspasar o inaccesíbel, é un trazo sorprendente da boca da literatura galega, malia a historia dramática da cultura. Non é este o lugar e o intre para estabelecer competicións, que ademais nos levarían a un espazo de debate pouco benevolente, mais velaí a noticia incesante e verdadeira: a literatura galega agromou e anovou en permanente convulsión. Traballade en cuanto tiverdes aínda luz. Se o universal é o local sen paredes, como atinou a expresar Miguel Torga, ese é o lugar onde adoitou estar e abrirse a boca da literatura galega.
A boca da literatura, Manuel Rivas