
En todo caso, Handke non claudicou: regresou a Iugoslavia para ser testemuña dos ataques da OTAN en 1999, asistiu a algunhas das sesións do Tribunal Internacional que xulgaba os crimes cometidos nas guerras dos Balcáns -un tribunal, recórdanos, financiado polas mesmas potencias que fixeron parte do enfrontamento, bombardeando o que quedaba de Iugoslavia sen o mandato do Consello de Seguridade da ONU- e mesmo visitou a Slobodan Milosevic na prisión de Scheweningen. Estas experiencias foron narradas en Anotacións posteriores a dúas travesías iugoslavas durante a guerra (1999), Arredor do Gran Tribunal (2003) e As Tablas de Daimiel (2006), tres crónicas que -hai que castigar o axitador- non atoparon tradutor a ningunha lingua malia que a súa era unha obra puntualmente trasladada a outros moitos idiomas antes da súa denuncia da parcialidade dos medios.
Agora, a Universidade Diego Portales de Santiago de Chile acaba de reunir estes textos traducidos ao castelán nun volume titulado Preguntando entre lágrimas. Dende Galiza non é doado facerse cun exemplar deste libro, pero o lector pertinaz verá recompensado o esforzo. Nel avógase honestamente polo cuestionamento das versións oficiais e pola busca dunha linguaxe capaz de plasmar a verdade. Unha verdade que non debe confundirse coas desinformadas opinións que nos repite -reiterada e interesadamente- o balbordo cada vez máis inconsistente da sociedade da información.
Do artigo Contra o consenso, de Manuel Xestoso no Terra e Tempo.