O sistema fomenta a desesperanza

A descomposición da política, o descrédito da representación política está a gañar unha boa parte da opinión pública; tarefa na que os medios de comunicación ao servizo do sistema desempeñan un papel fundamental na manipulación da realidade con obxectivos ideolóxicos e políticos para infantilizar e descerebrar aos individuos; as sondaxes, as tertulias, os "expertos", os opinadores, os blogs... reemplazan o debate e a participación democrática da poboación, ao igual que os poderes democráticos son substituídos polos poderes económicos.

Esta realidade fai imprescindíbel dar respostas e estas deben ser construídas de xeito colectivo. Diante dun capitalismo mundializado e xerarquizado baixo a hexemonía dos Estados Unidos, resistir e convencer de que hai outra alternativa debe ser tarefa fundamental. Non podemos permitir que o individualismo competitivo lle gane a batalla á loita e ao benestar colectivo, non podemos permitir que se consolide a interiorización da impotencia, da desesperanza, "dado que non podemos cambiar a orde establecida que cada quen se busque a vida como poida". Non pode ser tempo para a desesperanza nin o desencanto, temos que ser quen de transmitirlle á sociedade galega que é máis preciso ca nunca a loita activa, a denuncia, a reivindicación.

Tirado do artigo Hai que loitar contra a desesperanza, de Montse Prado.