Cando Feixóo argumenta que non defende un estatuto de nación porque non é nacionalista, está defendendo un patriotismo negador, uniformista, impositivo; en definitiva de corte imperial e vinculado a unha realidade única á que lle concede existencia nacional: España. Ésta claro que el non é un nacionalista galego pero para non confundir os termos non deberiamos dicir que é un nacionalista español, que podería deducirse equivocamente das súas verbas, será en todo caso un vello centralista "nacional" español, ou un imperialista español..
Hoxe é pois enormemente moderno, de actualidade, e constitúe unha necesidade fundamental, a defensa dun novo modelo económico que se sustente tamén sobre un concepto de patria da diversidade, do respecto mutuo, de levantar arquitecturas institucionais a nivel estatal, continental ou planetario de respecto as identidades nacionais e os povos que as conforman, de profundización dos dereitos cidadáns, de ampliar os marxes democráticos de decisión e non de reducilos, de aplicar políticas de redistribución de riqueza utilizando o instrumento de fortalecemento dos servizos públicos igualitarios, de aplicar políticas activas de redución das desigualdades sociais, de establecer pautas de relación entre os povos en base ao beneficio mutuo, etc.
É neste contexto onde cobran importante actualidade aquelas verbas de Castelao "...hai unha patria que se chama Galiza...". Sobre ela construímos os nacionalistas o noso patriotismo e xunto co doutros povos do planeta representamos hoxe tamén unha esperanza para que a saída á crise non acabe sendo outra volta de torca do patriotismo uniformista e globalizador, en definitiva imperial, ao servizo dun modelo económico que se algo se ten demostrado nesta crise é o seu fracaso. O noso é pois o patriotismo da esperanza e do modelo alternativo.
Alfredo Suárez Canal no Terra e Tempo